Sunday 12 de May de 2024

A Xunta de Goberno Local aprobou as licenzas para a rehabilitación dos colexios Eusebio da Guarda e Dominicos


As obras de reforma do Colexio Santo Domingo-FESD e do CEIP Eusebio da Guarda serán executadas pola Consellería de Educación, esta última cun orzamento de máis dun millón de euros

Celebrouse a segunda Xunta de Goberno Local do mandato composta polos nove concelleiros do executivo de Inés Rey e os representantes do resto de partidos políticos. Nesta sesión ordinaria, o executivo tomou conta dos expedientes urbanísticos aprobados no período comprendido entre o 28 de maio e o 28 de xuño do 2019: 55 licenzas urbanísticas, 258 obras en réxime de comunicado, 101 actividades en réxime de comunicación previa, 75 actividades en réxime de declaración responsable, 3 autorizacións de proxecto básico e de execución, 1 emenda nunha licenza de primeira ocupación e 4 prórrogas. Tramitándose así, un total de 497 expedientes neste servizo.
Entre as licenzas concedidas destacan as obras de reforma do Colexio Santo Domingo- FESD e do CEIP Eusebio da Guarda, que serán executadas pola Consellería de Educación, esta última cun orzamento de máis dun millón de euros.

A Xunta de Goberno deu luz verde tamén á prórroga do contrato para a xestión do servizo de axuda a domicilio durante un período de dous anos e cunha aplicación orzamentaria de de 2.005.560 euros.

Por outra banda, o órgano colexiado acordou designar ao concelleiro de Educación, Cultura e Memoria Histórica, Jesús Javier Celemín Santos, representante no Consello Social da Universidade da Coruña.